Arquivado o Novembro, 2009

A linguaxe das accións

Nov 19 2009 Publicado por admin en Reflexións

Lembro con agarimo ao meu pai que, na súa responsabilidade de educarme e con algo de confusión, parafraseaba aos curas da súa época infantil que lle sermoneaban: “has lo que yo digo y no lo que yo hago”. Durante bastantes anos mantiven, tamén eu, e baixo a miña propia relectura do mandato familiar, ese falso e hipócrita paradigma de valorar a palabra –case sempre disociada da verdadeira acción educadora–, como representación máxima da autoridade e, tamén, do compromiso humano, social e político.

E pasaron os anos…!

Hoxe son pai e aprendín que os principais educadores dos nosos fillos somos nós, e que esa marabillosa responsabilidade susténtase e comunícase, fundamentalmente, por medio das nosas accións. Se concordan coas nosas palabras mellor!

Nesta viaxe que agora inauguro con MdGa e a miña bitácora desexo que as palabras –que non teñen a culpa da súa mala instrumentalización–, expresen as nosas mutuas experiencias no extraordinario traballo de recuperar e manter viva a memoria dos nosos maiores.

Só desexo que as miñas palabras acompañen documental e obxectivamente o desexo diario por manter vivo este compromiso coa obra e que sexa ela quen máis fale por min.

No responses yet