Arquivado o Xaneiro, 2010

Daniel Castelao, a historia dun home sen igual…

Xan 27 2010 Publicado por admin en Obras

Igual que Mahatma Gandhi na India e Nelson Mandela en Sudáfrica, Daniel Castelao (Rianxo, 30 de xaneiro de 1886 – Bos Aires, 7 de xaneiro de 1950), é o paradigma da sociedade galega comprometida co cambio e a transformación progresista da sociedade galega e da comunidade internacional.

Primeiro coa arte, logo coa palabra e a acción política, Castelao convértese –dende o propio comezo da IIª República Española– no líder indiscutible do pobo galego na súa intención de trocar drasticamente unha orde social inxusta.
Mais, o terrorismo de Estado, instaurado en 1936 en Galiza, rompe salvaxemente con todas as ilusións de cambio e transformación que arelaba o pobo galego –e o conxunto do pobo español– na súa procura de liberdade, progreso e democracia social.

O remate da Guerra Civil non significou o final do combate. Castelao instálase en Bos Aires, a «quinta provincia galega», e, dende alí, reorganiza a loita contra o fascismo franquista. Esta magnífica forza humana e o final da IIª Guerra Mundial –a favor das forzas aliadas–, predispoñen positivamente aos partidos políticos españois –no interior e no exilio– a pensaren nun novo cambio de réxime en España.

Esta anovada esperanza de devolver a España a liberdade perdida e restablecer a orde constitucional e democrática, choca coas posturas ambiguas das democracias occidentais por converter o dictador, Francisco Franco, nun aliado dócil na súa loita contra o novo inimigo: o «comunismo internacional».

O home que sentiu na súa propia xeografía humana a traxedia da súa nación, enfraquece e a enfermidade avanza até a súa morte o 7 de xaneiro de 1950, no Centro Galego de Bos Aires.

Tenda online: Castelao e os irmáns da liberdade

No responses yet

Lingua e memoria

Xan 15 2010 Publicado por admin en Obras

(…) Unha lingua é máis que unha obra de arte: é matriz inesgotable de obras de arte, dicía Castelao ao valorar a nosa lingua.

Coma el, outros entusiastas seguidores dos precursores galeguistas Eduardo Pondal, Alfredo Brañas, Manuel Murguía, Rosalía de Castro e Curros Enríquez, ergueron as bandeiras da lingua e da cultura do pobo galego para reformular un novo rexurdimento, agora, tamén, lingüístico, cultural, económico, social e político.

Esta reformulación ideolóxica destinaba os seus esforzos a pensar Galicia dende nós, dende a nosa xente, maioritariamente galegofalante e secularmente imposibilitada de exercer os seus dereitos lingüísticos, culturais, sociais e políticos. A prédica galeguista acada apoios nunca antes coñecidos na nosa sociedade e sintoniza co latexo transformador das forzas políticas democráticas, republicanas e de esquerda que loitan polo cambio do réxime monárquico e caciquil, para instaurar, o 14 de abril de 1931, a 2ª República.

(…) Dende a proclamación da República ata o 28 de xuño de 1936, que se plebiscita o Estatuto de Autonomía de Galicia, a loita pola defensa dos dereitos lingüísticos de Galicia non cesa.

(…) 18 de xullo de 1936, as forzas militares de África, comandadas polo xeneral Francisco Franco, sublévanse contra o goberno constitucional da 2ª República.

(…) ¡1936, 37, 38, 39! Anos de brutal e sistemática represión para aniquilar as persoas, as vontades e as ideas transformadoras da 2ª República.

Toda a sociedade é destinataria, directa ou indirectamente, do accionar represivo que se exerce sen contemplacións dende todas as institucións ocupadas polos golpistas.
A lingua galega, elemento diferenciador do ser galego, non fica allea á cruzada totalitaria do fascismo español: os fusilamentos ou o cárcere para os escritores, editores ou educadores; a queima de libros, as sancións aos mestres, a depuración das bibliotecas, a censura, o desprezo pola lingua propia de Galicia, foron unha constante durante os longos e escuros anos do franquismo.

(…) ¡1940, 50, 60, 70! Décadas de silencio, sometemento e humillación.

(…) ¡1940, 50, 60, 70! Décadas de berros, resistencia e oposición.

Tenda online: Crónicas da represión lingüística

No responses yet