Lisboa, tan lonxe e tan cerca
Lisboa foi durante catro séculos –dende o XV ao XIX– a cidade con máis galegos do mundo! Logo, a emigración masiva cara ás Américas fixo que Buenos Aires adquirira esa posición. Mais o cerne da historia do traballo do emigrante galego está reflectido nas pedras do Convento de Mafra, no Acueduto das Aguas Libres, nos chafarices, nas comidas, nos costumes, nas saudades…
Este enorme xacemento de memoria histórica común, que representa a emigración galega a Lisboa e que chega aos nosos días descoñecido, permite reflexionar sobre algunhas cuestións históricas de enorme interese para o presente e o futuro de Galicia e Portugal: o repoboamento con xentes orixinarias de Galicia das terras conquistadas do sur da Península; a deriva da Galicia do sur do Miño cara á creación do Reino de Portugal; a castración e doma do Reino de Galiza, que desarticula todo atisbo de modernización e desenvolvemento do noso país; o desprezo da nobreza polo traballo manual, que no caso de Lisboa exercían miñotos, beiroes e galegos, construíndo dese xeito un estigma sobre estes grupos humanos –coincidentemente norteños e fronteirizos–; a transición entre o traballo escravo e a aparición do traballo libre e remunerado; o atraso estrutural de Portugal, xerado pola mentalidade inmobilista da nobreza que vivía das grandes riquezas chegadas das colonias; a emigración masiva ás novas repúblicas americanas durante os séculos XIX e XX que, segundo os destinos, emigraban dende a propia cidade de Lisboa; os longos, férreos e retrógrados procesos ditatoriais que sufriron Portugal e España, durante gran parte do século XX, que instrumentalizaron ao seu favor os movementos migratorios… son algúns elementos que, sumados á proverbial discreción do galego e á forzada ductilidade para a supervivencia do emigrante, sentenciaron esta formidable historia nun feito irrelevante, marxinal, sen transcendencia nin incidencia nas sociedades galega e lisboeta.
