Arquivado o Maio, 2010

25 de maio de 1810-2010

Mai 24 2010 Publicado por xleira en Reflexións

Transcorría o ano 1810 e nas poboacións dos enormes territorios da retrógrada e déspota coroa española –por eses intres despoxada do seu poder pola invasión napoleónica–, agromaban sentimentos enfrontados para saír desa situación de ocupación e dependencia dunha forza estranxeira: na península os súbditos loitaron para seguir sendo súbditos e restableceron a súa monarquía –retrógrada e déspota–, namentres nas colonias os españois e tamén os galegos loitaron maioritariamente pola ilusión e o desexo de ser cidadáns libres para construir nacións libres.

Os que nacimos neses territorios emancipados, nacimos tamén emancipados, no meu caso do franquismo, tamén retrógrado, déspota, mediocre e sanguinario, e fomos educados nunha escola Libre, Laica e Gratuita, que inculcaba os valores sempre vixentes e cada vez máis necesarios de “Liberdade, Igualdade e Fraternidade”. A educación nestes valores facía que o uso, a defensa e os sentimentos polos símbolos patrios arxentinos: Himno, Bandeira e Escudo estivera e ainda siga estando –décadas despois de non vivir na Arxentina– no meu ADN emotivo.

Transcorre o ano 2010 e o “Bicentenario” do comezo da Independencia arxentina chama emotivamente á porta do neno que levo dentro, máis, tamén, ás reflexións e responsabilidades do cidadán maior e “global” que son. A memoria, que boa é a memoria…!, lévame a recuperar e revalorar cada vez máis as consignas setentistas de “Liberación ou Dependencia” pintadas por miles nas paredes das rúas arxentinas. Estas actuacións contestatarias, clandestinas, perseguidas e reprimidas polo poder retrógrado, déspota, mediocre e sanguinario das ditaduras de turno,  levaban o xérmolo da loita pola segunda e definitiva Independencia Arxentina. Tarefa aínda pendente na Arxentina coma en Galicia.

No responses yet