É posible…?
É posible que unha sociedade sexa verdadeiramente democrática se os que atentaron contra ela son os mesmos que despois de coarenta anos de ditadura –que deixou un saldo aterrador de milleiros de asasinados, desaparecidos, encadeados e exiliados–, condicionaron a volta ás urnas?
É posible que un país teña vida democrática se remata facendo seus os valores e comportamentos do seu xenocida?
É posible que unha sociedade avance dignamente cara o futuro mantendo medos e silencios?
É posible que unha sociedade sexa aberta, dinámica e creativa se os que xestionan a súa cultura, economía e política son herdeiros acríticos do poder construido durante os coarenta anos de franquismo?
É posible que o patrimonio inmaterial dunha comunidade humana, lingua, cultura e sentimentos, teña futuro se fala e actúa como pobo colonizado?
É posible que os cidadáns dun país sintan orgullo de seu se sinten medo á liberdade?
É posible unha sociedade democrática no século XXI que non teña na súa iconografía civil referencias á liberdade e á independencia?
É posible seguir convivindo coa mediocridade ambiental imposta polo nacionalcatolicismo dende hai máis de setenta anos?
É posible… todo isto!
Si. Mais, tamén, é posible evitar que a impunidade instalada na nosa sociedade se manteña no tempo, se convertemos á memoria histórica nunha ferramenta posta ao servizo da defensa dos dereitos humanos e da verdadeira democratización da nosa sociedade.
