Sen anestesia…

Xul 18 2011

Aos 75 anos do alzamento militar fascista de 1936

A historia e as identidades son construcións complexas, colectivas e en constante transformación…

Supoñamos que falamos dun territorio peninsular diverso e unha grande parte do mesmo gobernado por unha cultura de poder «tolerante» coas outras expresións relixiosas e culturais que o habitan.

Supoñamos que unha desas minorías rebélase e na confrontación bélica gaña a batalla militar, relixiosa e cultural e o botín de guerra é, entre outras cousas, o saber e a intelixencia da época que caracterizaba a este reino.

Supoñamos que ese territorio diverso convértese nun territorio gobernado por un fundamentalismo relixioso que fai do medo a deus e da obrigada conversión relixiosa a condición sine qua non para manter a vida e a facenda.

Supoñamos que esa «nova orde» fundamentalista, que fai da ignorancia e da violencia contra os seus diferentes o seu signo de identidade, mantense ao longo dos séculos nunha irmandade perversa entre a coroa, a igrexa católica e a forza militar.

Supoñamos que o atraso imposto forza á emigración de millóns dos seus habitantes ás novas terras conquistadas en América e nas novas terras emprenden un camiño persoal e colectivo da emancipación.

Supoñamos que a nova identidade construída neste reino fundamentalista –durante séculos e de xeito ininterrompido–, está sustentada no medo, na violencia, na ignorancia e no atraso cultural e material dos seus habitantes, a paisaxe humana é desoladora.

Supoñanos que oitenta anos atrás, en 1931, estas maiorías represaliadas e castradas durante séculos, máis a forza transformadora dos irmáns emigrados ás repúblicas americanas, fraguan os alicerces dun estado tolerante e democrático, que manteñen difícilmente durante cinco anos.

Non é por desidia! Mais repito un dos primeiros parágrafos desta reflexión, agás algún cambio. Supoñamos que unha minoría rebélase e na confrontación bélica gaña a batalla militar, relixiosa e cultural e o botín de guerra é, entre outras cousas, o saber e a intelixencia da época que caracterizaba a esta República.

Insisto no recurso de cortar e pegar e aseguro que non é por preguiza, mais vou modificar en parte os contidos doutro parágrafo. Supoñamos que esa «nova orde» fundamentalista, que fai da ignorancia e da violencia contra os seus diferentes o seu signo de identidade, mantense ao longo de 4 décadas nunha irmandade perversa entre a coroa –agora na cabeza de Francisco Franco e o falanxismo asesino–, a igrexa católica e a forza militar.

Supoñamos que ao longo destas décadas de terror e xenocidio franquista houbo centos de miles de mortos, desaparecidos, exiliados e millóns de persoas emigradas… Qué tipoloxía de personalidade creouse ao longo deste longo e escuro tempo?

Quen quedou vivindo neste territorio mantendo e transmitindo os valores da nova orde franquista?: Os valientes ou os cobardes; os capaces para emprender novas vidas ou os incapaces desa aventura; os creadores ou os mediocres…

Quen argallou a «transición democrática», a restauración da monarquía, a nova constitución e un longo etcétera que asegura a actual orde establecida e que permite, 75 anos despois do comezo do xenocidio, a impunidade deste proceso de exterminio que ofende verdadeiramente a calquera persoa non «asimilada».

Perdón pola repetición doutro parágrafo e xa remato! Supoñamos que a nova identidade construída neste reino agora constitucionalista –durante séculos e de xeito ininterrompido agás polos cinco anos de República–, está sustentada no medo, na violencia, na ignorancia e no atraso cultural e material dos seus habitantes, a paisaxe humana é desoladora.

18 de xullo de 1936 – 2011: Tres xeracións de españois seguen, pasivamente, sendo transmisores dos rancios e aberrantes valores fundamentalistas dos reis católicos, recuperados polo franquismo xenocida e reformulado polo status quo da España posmoderna.

Por favor…, supoñamos que estou equivocado!

Crónicas da Galiza mártir, de Xan Leira

No responses yet

Deixar resposta