17 de agosto, Día da Galiza mártir

Ago 17 2011

Nun día coma hoxe de 1942 Daniel Castelao proclamou, na cidade de Bos Aires, o 17 de agosto como o «Día da Galiza Mártir».

Alexandre Bóveda, unha crónica da Galiza mártir é o nome do meu primeiro traballo centrado na denuncia da metodoloxía represiva desatada contra a nosa terra a partir do golpe xenocida franquista implantado en Galiza o 20 de xullo de 1936.

O libro, o filme documentario e a exposición gráfica e audiovisual realizada para homenaxear a figura e a obra de Alexandre Bóveda pretende ser unha candea acesa que alumea novas páxinas dunha vida sinxela, fornecida no amor á terra e na defensa e a loita polos dereitos da nosa xente.

Dicir Alexandre Bóveda é dicir Víctor Casas, Roberto Blanco Torres, Benigno Álvarez, Xaime Quintanilla, Ánxel Casal, Camilo Díaz Baliño, Emilio Martínez Garrido, Alfredo Suárez Ferrín, Roxelio Caridad Pita, os irmáns Bilbatúa, Telmo Bernárdez…

Dicir Alexandre Bóveda é lembrar milleiros de mulleres e homes anónimos que deron a vida pola liberdade, a educación, o traballo e a terra, nas interminábeis noites de morte e esquecemento.

Transcorridos máis de 70 anos destes asesinatos a impunidade destes crimes ofende o legado transformador destes homes e mulleres.

Alexandre Bóveda, unha crónica da Galiza mártir

No responses yet

Deixar resposta