Arquivado en 'Obras'

17 de agosto, Día da Galiza mártir

Ago 17 2011 Publicado por xleira en Obras

Nun día coma hoxe de 1942 Daniel Castelao proclamou, na cidade de Bos Aires, o 17 de agosto como o «Día da Galiza Mártir».

Alexandre Bóveda, unha crónica da Galiza mártir é o nome do meu primeiro traballo centrado na denuncia da metodoloxía represiva desatada contra a nosa terra a partir do golpe xenocida franquista implantado en Galiza o 20 de xullo de 1936.

O libro, o filme documentario e a exposición gráfica e audiovisual realizada para homenaxear a figura e a obra de Alexandre Bóveda pretende ser unha candea acesa que alumea novas páxinas dunha vida sinxela, fornecida no amor á terra e na defensa e a loita polos dereitos da nosa xente.

Dicir Alexandre Bóveda é dicir Víctor Casas, Roberto Blanco Torres, Benigno Álvarez, Xaime Quintanilla, Ánxel Casal, Camilo Díaz Baliño, Emilio Martínez Garrido, Alfredo Suárez Ferrín, Roxelio Caridad Pita, os irmáns Bilbatúa, Telmo Bernárdez…

Dicir Alexandre Bóveda é lembrar milleiros de mulleres e homes anónimos que deron a vida pola liberdade, a educación, o traballo e a terra, nas interminábeis noites de morte e esquecemento.

Transcorridos máis de 70 anos destes asesinatos a impunidade destes crimes ofende o legado transformador destes homes e mulleres.

Alexandre Bóveda, unha crónica da Galiza mártir

No responses yet

Sen anestesia…

Xul 18 2011 Publicado por xleira en Obras, Reflexións

Aos 75 anos do alzamento militar fascista de 1936

A historia e as identidades son construcións complexas, colectivas e en constante transformación…

Supoñamos que falamos dun territorio peninsular diverso e unha grande parte do mesmo gobernado por unha cultura de poder «tolerante» coas outras expresións relixiosas e culturais que o habitan.

Supoñamos que unha desas minorías rebélase e na confrontación bélica gaña a batalla militar, relixiosa e cultural e o botín de guerra é, entre outras cousas, o saber e a intelixencia da época que caracterizaba a este reino.

Supoñamos que ese territorio diverso convértese nun territorio gobernado por un fundamentalismo relixioso que fai do medo a deus e da obrigada conversión relixiosa a condición sine qua non para manter a vida e a facenda.

Supoñamos que esa «nova orde» fundamentalista, que fai da ignorancia e da violencia contra os seus diferentes o seu signo de identidade, mantense ao longo dos séculos nunha irmandade perversa entre a coroa, a igrexa católica e a forza militar.

Supoñamos que o atraso imposto forza á emigración de millóns dos seus habitantes ás novas terras conquistadas en América e nas novas terras emprenden un camiño persoal e colectivo da emancipación.

Supoñamos que a nova identidade construída neste reino fundamentalista –durante séculos e de xeito ininterrompido–, está sustentada no medo, na violencia, na ignorancia e no atraso cultural e material dos seus habitantes, a paisaxe humana é desoladora.

Supoñanos que oitenta anos atrás, en 1931, estas maiorías represaliadas e castradas durante séculos, máis a forza transformadora dos irmáns emigrados ás repúblicas americanas, fraguan os alicerces dun estado tolerante e democrático, que manteñen difícilmente durante cinco anos.

Non é por desidia! Mais repito un dos primeiros parágrafos desta reflexión, agás algún cambio. Supoñamos que unha minoría rebélase e na confrontación bélica gaña a batalla militar, relixiosa e cultural e o botín de guerra é, entre outras cousas, o saber e a intelixencia da época que caracterizaba a esta República.

Insisto no recurso de cortar e pegar e aseguro que non é por preguiza, mais vou modificar en parte os contidos doutro parágrafo. Supoñamos que esa «nova orde» fundamentalista, que fai da ignorancia e da violencia contra os seus diferentes o seu signo de identidade, mantense ao longo de 4 décadas nunha irmandade perversa entre a coroa –agora na cabeza de Francisco Franco e o falanxismo asesino–, a igrexa católica e a forza militar.

Supoñamos que ao longo destas décadas de terror e xenocidio franquista houbo centos de miles de mortos, desaparecidos, exiliados e millóns de persoas emigradas… Qué tipoloxía de personalidade creouse ao longo deste longo e escuro tempo?

Quen quedou vivindo neste territorio mantendo e transmitindo os valores da nova orde franquista?: Os valientes ou os cobardes; os capaces para emprender novas vidas ou os incapaces desa aventura; os creadores ou os mediocres…

Quen argallou a «transición democrática», a restauración da monarquía, a nova constitución e un longo etcétera que asegura a actual orde establecida e que permite, 75 anos despois do comezo do xenocidio, a impunidade deste proceso de exterminio que ofende verdadeiramente a calquera persoa non «asimilada».

Perdón pola repetición doutro parágrafo e xa remato! Supoñamos que a nova identidade construída neste reino agora constitucionalista –durante séculos e de xeito ininterrompido agás polos cinco anos de República–, está sustentada no medo, na violencia, na ignorancia e no atraso cultural e material dos seus habitantes, a paisaxe humana é desoladora.

18 de xullo de 1936 – 2011: Tres xeracións de españois seguen, pasivamente, sendo transmisores dos rancios e aberrantes valores fundamentalistas dos reis católicos, recuperados polo franquismo xenocida e reformulado polo status quo da España posmoderna.

Por favor…, supoñamos que estou equivocado!

Crónicas da Galiza mártir, de Xan Leira

No responses yet

É posible…?

Xul 27 2010 Publicado por xleira en Obras

É posible que unha sociedade sexa verdadeiramente democrática se os que atentaron contra ela son os mesmos que despois de coarenta anos de ditadura –que deixou un saldo aterrador de milleiros de asasinados, desaparecidos, encadeados e exiliados–, condicionaron a volta ás urnas?

É posible que un país teña vida democrática se remata facendo seus os valores e comportamentos do seu xenocida?

É posible que unha sociedade avance dignamente cara o futuro mantendo medos e silencios?

É posible que unha sociedade sexa aberta, dinámica e creativa se os que xestionan a súa cultura, economía e política son herdeiros acríticos do poder construido durante os coarenta anos de franquismo?

É posible que o patrimonio inmaterial dunha comunidade humana, lingua, cultura e sentimentos, teña futuro se fala e actúa como pobo colonizado?

É posible que os cidadáns dun país sintan orgullo de seu se sinten medo á liberdade?

É posible unha sociedade democrática no século XXI que non teña na súa iconografía civil referencias á liberdade e á independencia?

É posible seguir convivindo coa mediocridade ambiental imposta polo nacionalcatolicismo dende hai máis de setenta anos?

É posible… todo isto!

Si. Mais, tamén, é posible evitar que a impunidade instalada na nosa sociedade se manteña no tempo, se convertemos á memoria histórica nunha ferramenta posta ao servizo da defensa dos dereitos humanos e da verdadeira democratización da nosa sociedade.

Tenda online: Crónicas da Galiza Mártir

No responses yet

Os exilios de Lorenzo Varela

Xuñ 10 2010 Publicado por xleira en Obras

25 de novembro de 1978, día do seu pasamento

Lorenzo Varela, soldado dun exército derrotado dunha causa invencible. Con estas palabras do poeta nicaragüense Ernesto Cardenal, o catedrático e militante comunista Xesús Alonso Montero define o sentido ético da vida e da obra de Lorenzo Varela Vázquez ao pechar –con paixón e intensidade coñecidas–, un dos seus testemuños na miña longametraxe documental «Exilios».

Varela conta con dezanove inquedos anos cando, entre estudo e poesía, estala a Guerra Civil: dun lado, o poder secular, agachado, uniformado, violento, antidemocrático; doutro, leal, digno e apaixoado o pobo descamisado. O Varela poeta ingresa, xunto a centos de milleiros de campesiños, obreiros, estudantes, artistas, profesionais e internacionalistas, nas milicias do pobo traballador, investidas co mono azul da dignidade…

¡E o poeta aprende a combater! O milagre das causas xustas fai que a guerra militar non mate o «neno» que hai no home, que o fusil non segue a pluma e a derrota envileza a poesía.

A longa noite do fascismo so estrelecida polas luces exiliadas alumea aínda hoxe nas páxinas máis nobres da historia universal e na cultura latinoamericana: Daniel Castelao, Luis Seoane, Arturo Cuadrado, Eugenio Granel, Eduardo Dieste, Luis Soto, Manuel Colmeiro, Lois Tobío, Eduardo Blanco Amor, Ramón Suárez Picallo, entre tantos outros, lampexan xunto ao poeta no firmamento da liberdade.

Exilios, de Xan Leira

Tenda online: Exilios

No responses yet

Lisboa, tan lonxe e tan cerca

Abr 25 2010 Publicado por xleira en Obras

Lisboa foi durante catro séculos –dende o XV ao XIX– a cidade con máis galegos do mundo! Logo, a emigración masiva cara ás Américas fixo que Buenos Aires adquirira esa posición. Mais o cerne da historia do traballo do emigrante galego está reflectido nas pedras do Convento de Mafra, no Acueduto das Aguas Libres, nos chafarices, nas comidas, nos costumes, nas saudades…

Este enorme xacemento de memoria histórica común, que representa a emigración galega a Lisboa e que chega aos nosos días descoñecido, permite reflexionar sobre algunhas cuestións históricas de enorme interese para o presente e o futuro de Galicia e Portugal: o repoboamento con xentes orixinarias de Galicia das terras conquistadas do sur da Península; a deriva da Galicia do sur do Miño cara á creación do Reino de Portugal; a castración e doma do Reino de Galiza, que desarticula todo atisbo de modernización e desenvolvemento do noso país; o desprezo da nobreza polo traballo manual, que no caso de Lisboa exercían miñotos, beiroes e galegos, construíndo dese xeito un estigma sobre estes grupos humanos –coincidentemente norteños e fronteirizos–; a transición entre o traballo escravo e a aparición do traballo libre e remunerado; o atraso estrutural de Portugal, xerado pola mentalidade inmobilista da nobreza que vivía das grandes riquezas chegadas das colonias; a emigración masiva ás novas repúblicas americanas durante os séculos XIX e XX que, segundo os destinos, emigraban dende a propia cidade de Lisboa; os longos, férreos e retrógrados procesos ditatoriais que sufriron Portugal e España, durante gran parte do século XX, que instrumentalizaron ao seu favor os movementos migratorios… son algúns elementos que, sumados á proverbial discreción do galego e á forzada ductilidade para a supervivencia do emigrante, sentenciaron esta formidable historia nun feito irrelevante, marxinal, sen transcendencia nin incidencia nas sociedades galega e lisboeta.

Tenda online: Historia dunha emigración difusa

No responses yet

El «Gallego Soto», una leyenda vigente

Feb 09 2010 Publicado por admin en Obras

La leyenda de Antonio Soto la conocí gracias a la pasión investigadora y divulgadora de Osvaldo Bayer, primero por su formidable libro «Los vengadores de la Patagonia Trágica», luego por la película «La Patagonia Rebelde», dirigida por Héctor Olivera e interpretada, entre otros, por Luis Brandoni en el papel del gallego Soto.

Corría el año 1973, y tenía yo dieciocho años cumplidos, cuando, junto a mi entrañable amigo y siempre compañero Carlos Gabaldón, vimos la película en la pantalla del desaparecido Cine Belgrano de Ramos Mejía –en el conurbano bonaerense, donde aún vivía–. Salí del cine conmovido y doblemente orgulloso por la condición gallega del máximo dirigente de la revuelta y por la gesta de los obreros patagónicos enfrentados a la todopoderosa oligarquía anglo-argentina.

La lucha por la dignidad de las personas quedaron silenciadas con el envío de la fuerza militar –por parte de un gobierno constitucional–, so pretexto de «defender la integridad y la identidad nacional amenazada por fuerzas extranjeras», dejando un saldo de mil quinientos obreros asesinados.

Paradójicamente, en marzo de 1976, las mismas fuerzas armadas se sublevan, otra vez, contra el gobierno elegido por el pueblo y, amparados por las prerrogativas constitucionales del gobierno de Isabel Perón –de actuar contra la guerrilla–, violentan nuevamente la vida argentina dejando un saldo de más de treinta mil detenidos-desaparecidos, que, según ellos, eran «agentes extranjerizantes y perturbadores al servicio de la desintegración nacional».

Y pasaron los anos…, La oligarquía expropiadora del territorio argentino –rancia y nacional catolicista– siguió tejiendo alianzas con los enemigos del pueblo e instrumentalizando sectores de la sociedad para sofocar las ansias de progreso y democracia siempre latentes en la sociedad argentina.
Hoy, como ayer, la integridad, la firmeza y la audacia en la lucha de personas como el Gallego Soto, son fundamentales para resistir los embates de las oligarquías multinacionales que juegan perversamente contra los intereses de las personas, de los pueblos y de las naciones.

Tenda online: Patagonia, utopía libertaria

No responses yet

Daniel Castelao, a historia dun home sen igual…

Xan 27 2010 Publicado por admin en Obras

Igual que Mahatma Gandhi na India e Nelson Mandela en Sudáfrica, Daniel Castelao (Rianxo, 30 de xaneiro de 1886 – Bos Aires, 7 de xaneiro de 1950), é o paradigma da sociedade galega comprometida co cambio e a transformación progresista da sociedade galega e da comunidade internacional.

Primeiro coa arte, logo coa palabra e a acción política, Castelao convértese –dende o propio comezo da IIª República Española– no líder indiscutible do pobo galego na súa intención de trocar drasticamente unha orde social inxusta.
Mais, o terrorismo de Estado, instaurado en 1936 en Galiza, rompe salvaxemente con todas as ilusións de cambio e transformación que arelaba o pobo galego –e o conxunto do pobo español– na súa procura de liberdade, progreso e democracia social.

O remate da Guerra Civil non significou o final do combate. Castelao instálase en Bos Aires, a «quinta provincia galega», e, dende alí, reorganiza a loita contra o fascismo franquista. Esta magnífica forza humana e o final da IIª Guerra Mundial –a favor das forzas aliadas–, predispoñen positivamente aos partidos políticos españois –no interior e no exilio– a pensaren nun novo cambio de réxime en España.

Esta anovada esperanza de devolver a España a liberdade perdida e restablecer a orde constitucional e democrática, choca coas posturas ambiguas das democracias occidentais por converter o dictador, Francisco Franco, nun aliado dócil na súa loita contra o novo inimigo: o «comunismo internacional».

O home que sentiu na súa propia xeografía humana a traxedia da súa nación, enfraquece e a enfermidade avanza até a súa morte o 7 de xaneiro de 1950, no Centro Galego de Bos Aires.

Tenda online: Castelao e os irmáns da liberdade

No responses yet

Lingua e memoria

Xan 15 2010 Publicado por admin en Obras

(…) Unha lingua é máis que unha obra de arte: é matriz inesgotable de obras de arte, dicía Castelao ao valorar a nosa lingua.

Coma el, outros entusiastas seguidores dos precursores galeguistas Eduardo Pondal, Alfredo Brañas, Manuel Murguía, Rosalía de Castro e Curros Enríquez, ergueron as bandeiras da lingua e da cultura do pobo galego para reformular un novo rexurdimento, agora, tamén, lingüístico, cultural, económico, social e político.

Esta reformulación ideolóxica destinaba os seus esforzos a pensar Galicia dende nós, dende a nosa xente, maioritariamente galegofalante e secularmente imposibilitada de exercer os seus dereitos lingüísticos, culturais, sociais e políticos. A prédica galeguista acada apoios nunca antes coñecidos na nosa sociedade e sintoniza co latexo transformador das forzas políticas democráticas, republicanas e de esquerda que loitan polo cambio do réxime monárquico e caciquil, para instaurar, o 14 de abril de 1931, a 2ª República.

(…) Dende a proclamación da República ata o 28 de xuño de 1936, que se plebiscita o Estatuto de Autonomía de Galicia, a loita pola defensa dos dereitos lingüísticos de Galicia non cesa.

(…) 18 de xullo de 1936, as forzas militares de África, comandadas polo xeneral Francisco Franco, sublévanse contra o goberno constitucional da 2ª República.

(…) ¡1936, 37, 38, 39! Anos de brutal e sistemática represión para aniquilar as persoas, as vontades e as ideas transformadoras da 2ª República.

Toda a sociedade é destinataria, directa ou indirectamente, do accionar represivo que se exerce sen contemplacións dende todas as institucións ocupadas polos golpistas.
A lingua galega, elemento diferenciador do ser galego, non fica allea á cruzada totalitaria do fascismo español: os fusilamentos ou o cárcere para os escritores, editores ou educadores; a queima de libros, as sancións aos mestres, a depuración das bibliotecas, a censura, o desprezo pola lingua propia de Galicia, foron unha constante durante os longos e escuros anos do franquismo.

(…) ¡1940, 50, 60, 70! Décadas de silencio, sometemento e humillación.

(…) ¡1940, 50, 60, 70! Décadas de berros, resistencia e oposición.

Tenda online: Crónicas da represión lingüística

No responses yet