Lingua e memoria

Xan 15 2010

(…) Unha lingua é máis que unha obra de arte: é matriz inesgotable de obras de arte, dicía Castelao ao valorar a nosa lingua.

Coma el, outros entusiastas seguidores dos precursores galeguistas Eduardo Pondal, Alfredo Brañas, Manuel Murguía, Rosalía de Castro e Curros Enríquez, ergueron as bandeiras da lingua e da cultura do pobo galego para reformular un novo rexurdimento, agora, tamén, lingüístico, cultural, económico, social e político.

Esta reformulación ideolóxica destinaba os seus esforzos a pensar Galicia dende nós, dende a nosa xente, maioritariamente galegofalante e secularmente imposibilitada de exercer os seus dereitos lingüísticos, culturais, sociais e políticos. A prédica galeguista acada apoios nunca antes coñecidos na nosa sociedade e sintoniza co latexo transformador das forzas políticas democráticas, republicanas e de esquerda que loitan polo cambio do réxime monárquico e caciquil, para instaurar, o 14 de abril de 1931, a 2ª República.

(…) Dende a proclamación da República ata o 28 de xuño de 1936, que se plebiscita o Estatuto de Autonomía de Galicia, a loita pola defensa dos dereitos lingüísticos de Galicia non cesa.

(…) 18 de xullo de 1936, as forzas militares de África, comandadas polo xeneral Francisco Franco, sublévanse contra o goberno constitucional da 2ª República.

(…) ¡1936, 37, 38, 39! Anos de brutal e sistemática represión para aniquilar as persoas, as vontades e as ideas transformadoras da 2ª República.

Toda a sociedade é destinataria, directa ou indirectamente, do accionar represivo que se exerce sen contemplacións dende todas as institucións ocupadas polos golpistas.
A lingua galega, elemento diferenciador do ser galego, non fica allea á cruzada totalitaria do fascismo español: os fusilamentos ou o cárcere para os escritores, editores ou educadores; a queima de libros, as sancións aos mestres, a depuración das bibliotecas, a censura, o desprezo pola lingua propia de Galicia, foron unha constante durante os longos e escuros anos do franquismo.

(…) ¡1940, 50, 60, 70! Décadas de silencio, sometemento e humillación.

(…) ¡1940, 50, 60, 70! Décadas de berros, resistencia e oposición.

Tenda online: Crónicas da represión lingüística

No responses yet

Memoria e Democracia

Dec 28 2009

Vivimos nun mundo aturdido polo ruído mediático que sacraliza a “democracia de deseño” inventada polas grandes corporacións e secundada polos gobernos “teloneiros” que administran o ben público en beneficio dos grandes conglomerados capitalistas. Esta democracia de baixa intensidade e totalitaria, carente de toda franqueza e autenticidade, estimulada por encuestadores, expertos en imaxe e relacións públicas, require consumidores de “penso” –sexa este cultural, político, social ou económico– de inxesta rápida, globalizada, adictiva e inmovilizadora.

Cada vez é máis necesario pensar no presente e no futuro da verdadeira democracia entendida como “o goberno do pobo, polo pobo e para o pobo”. E para iso, tamén, é importante mirar no tempo pasado como testemuño vivo das loitas pola dignidade, a xustiza, a liberdade e os dereitos polos que loitaron os nosos maiores. É aí onde a memoria xoga un papel destacado, non tan só para a preservación do patrimonio inmaterial, senón, tamén, para a construción, preservación e profundización da democracia participativa comprometida co ben común.

No responses yet

A linguaxe das accións

Nov 19 2009

Lembro con agarimo ao meu pai que, na súa responsabilidade de educarme e con algo de confusión, parafraseaba aos curas da súa época infantil que lle sermoneaban: “has lo que yo digo y no lo que yo hago”. Durante bastantes anos mantiven, tamén eu, e baixo a miña propia relectura do mandato familiar, ese falso e hipócrita paradigma de valorar a palabra –case sempre disociada da verdadeira acción educadora–, como representación máxima da autoridade e, tamén, do compromiso humano, social e político.

E pasaron os anos…!

Hoxe son pai e aprendín que os principais educadores dos nosos fillos somos nós, e que esa marabillosa responsabilidade susténtase e comunícase, fundamentalmente, por medio das nosas accións. Se concordan coas nosas palabras mellor!

Nesta viaxe que agora inauguro con MdGa e a miña bitácora desexo que as palabras –que non teñen a culpa da súa mala instrumentalización–, expresen as nosas mutuas experiencias no extraordinario traballo de recuperar e manter viva a memoria dos nosos maiores.

Só desexo que as miñas palabras acompañen documental e obxectivamente o desexo diario por manter vivo este compromiso coa obra e que sexa ela quen máis fale por min.

No responses yet

« Newer