A República Independente da Memoria

Dec 31 2010 Publicado por xleira en Reflexións

Non está mal rematar o ano 2010 rachando con tópicos eurocéntricos, oligárquicos ou de interpretacións «hamburguesadas» –que dicia o amigo do escritor Eduardo Galeano–, que desprezan aos diferentes, aos inimigos, aos «raros» como di o meu amigo Xavier Moreda. Estamos habituados a escoitar estúpidos usos, de persoas estúpidas, que recorren á expresión de «república bananeira» ou «república tercermundista» para denigrar ou denostar diferentes situacións ou comportamentos pouco aceptables polos «hamburguesados» que dicía antes.

Imos trocar os usos e comecemos a chamar «monarquía bananeira» ou «monarquía decadente» cando queiramos referirmos á cousas que pouco teñen que ver cos valores de respecto, progreso, equidade, harmonía, sostibilidade, liberdade…

Para comezar a cambiar as cousas é a miña intención converter o espazo dixital e virtual de Memoria da Galiza nunha República Independente da Memoria. Na nova RIM sodes todos benvidos! Mais, para ser cidadán da memoria tedes que rachar os elos das cadeas que vos suxeitan á antipopular e antidemocrática “monarquía bananeira”, á “monarquía da desmemoria”.

Liberdade, Igualdade e Fraternidade para o novo ano 2011:.

Marsellesa e champán para os cidadáns da memoria!

Guillotina de graxas saturadas para os «hamburguesados» da desmemoria e dos privilexios!

No responses yet

Lingua e memoria

Xan 15 2010 Publicado por admin en Obras

(…) Unha lingua é máis que unha obra de arte: é matriz inesgotable de obras de arte, dicía Castelao ao valorar a nosa lingua.

Coma el, outros entusiastas seguidores dos precursores galeguistas Eduardo Pondal, Alfredo Brañas, Manuel Murguía, Rosalía de Castro e Curros Enríquez, ergueron as bandeiras da lingua e da cultura do pobo galego para reformular un novo rexurdimento, agora, tamén, lingüístico, cultural, económico, social e político.

Esta reformulación ideolóxica destinaba os seus esforzos a pensar Galicia dende nós, dende a nosa xente, maioritariamente galegofalante e secularmente imposibilitada de exercer os seus dereitos lingüísticos, culturais, sociais e políticos. A prédica galeguista acada apoios nunca antes coñecidos na nosa sociedade e sintoniza co latexo transformador das forzas políticas democráticas, republicanas e de esquerda que loitan polo cambio do réxime monárquico e caciquil, para instaurar, o 14 de abril de 1931, a 2ª República.

(…) Dende a proclamación da República ata o 28 de xuño de 1936, que se plebiscita o Estatuto de Autonomía de Galicia, a loita pola defensa dos dereitos lingüísticos de Galicia non cesa.

(…) 18 de xullo de 1936, as forzas militares de África, comandadas polo xeneral Francisco Franco, sublévanse contra o goberno constitucional da 2ª República.

(…) ¡1936, 37, 38, 39! Anos de brutal e sistemática represión para aniquilar as persoas, as vontades e as ideas transformadoras da 2ª República.

Toda a sociedade é destinataria, directa ou indirectamente, do accionar represivo que se exerce sen contemplacións dende todas as institucións ocupadas polos golpistas.
A lingua galega, elemento diferenciador do ser galego, non fica allea á cruzada totalitaria do fascismo español: os fusilamentos ou o cárcere para os escritores, editores ou educadores; a queima de libros, as sancións aos mestres, a depuración das bibliotecas, a censura, o desprezo pola lingua propia de Galicia, foron unha constante durante os longos e escuros anos do franquismo.

(…) ¡1940, 50, 60, 70! Décadas de silencio, sometemento e humillación.

(…) ¡1940, 50, 60, 70! Décadas de berros, resistencia e oposición.

Tenda online: Crónicas da represión lingüística

No responses yet

Memoria e Democracia

Dec 28 2009 Publicado por admin en Reflexións

Vivimos nun mundo aturdido polo ruído mediático que sacraliza a “democracia de deseño” inventada polas grandes corporacións e secundada polos gobernos “teloneiros” que administran o ben público en beneficio dos grandes conglomerados capitalistas. Esta democracia de baixa intensidade e totalitaria, carente de toda franqueza e autenticidade, estimulada por encuestadores, expertos en imaxe e relacións públicas, require consumidores de “penso” –sexa este cultural, político, social ou económico– de inxesta rápida, globalizada, adictiva e inmovilizadora.

Cada vez é máis necesario pensar no presente e no futuro da verdadeira democracia entendida como “o goberno do pobo, polo pobo e para o pobo”. E para iso, tamén, é importante mirar no tempo pasado como testemuño vivo das loitas pola dignidade, a xustiza, a liberdade e os dereitos polos que loitaron os nosos maiores. É aí onde a memoria xoga un papel destacado, non tan só para a preservación do patrimonio inmaterial, senón, tamén, para a construción, preservación e profundización da democracia participativa comprometida co ben común.

No responses yet